Multiculturalidade
Multiculturalidade
Boas a todas e todos!
Neste tema tratamos contidos moi diversos que podemos dividir
en dúas seccións. Unha primeira sección comprende os contidos relacionados coas
titorías e o uso de linguas estranxeiras nas actividades de titoría, coas
habilidades para a vida ou lifeskills, coas medidas de atención á diversidade e
os PMAR. Na segunda sección, comentamos o papel das/os auxiliares de conversa,
así como os programas AICLE/CLIL.
Comezarei tratando o contido sobre as titorías, as cales
deben ter unha función orientadora, asesorando ao alumnado durante o período
escolar. Resultoume de grande interese coñecer máis aspectos sobre elas, xa que
considero que poden ter moita importancia na educación ao ter a oportunidade de
tratar por unha banda temas educativos, como son as técnicas de estudo, faltas
de asistencia, saídas profesionais, etc., axudando ao alumnado a coñecerse mellor
a si mesmo, a aproveitar o tempo de traballo e estudo adaptándoo ás súas características
e tipos de intelixencias, así como mellorando a súa autoestima e autonomía,
animando á participación en actividades extraescolares e en proxectos do centro
e fomentando un bo ambiente no grupo. Por outra banda, temos a posibilidade de
tratas temas transversais de grande relevancia, por exemplo, as drogas, a
educación sexual, a violencia de xénero, a aceptación doutras culturas,
etc. O aproveitamento das horas de
titoría está nas mans do profesorado, é unha mágoa que en moitas ocasións tan
só se usen para realizar tarefas doutras materias ou outro tipo de actividades
que non gardan ningunha relación co verdadeiro obxectivo dunha titoría. Neste enlace poderedes atopar as tarefas do/a titor/a.
Unha das cuestións que tratamos nunha das sesións foi que
actividades poderiamos realizar nunha hora de titoría para fomentar o uso da
lingua estranxeira. Organizámonos por parellas e grupos de tres para crear
actividades, o meu compañeiro Juan Cabaleiro e eu propuxemos a seguinte:
A actividade está deseñada para alumnado de 4º da ESO e levaríase
a cabo durante a última semana do curso lectivo. Os seus obxectivos principais
son:
- Traballar na procura de información e na súa contrastación
- Coñecer culturas diferentes
- Empregar as TIC para a busca de información e a creación do vídeo
- Crear unha actividade de xeito colaborativo
- Realizar unha boa organización do traballo
En canto á descrición da tarefa, en primeiro lugar, o alumnado traballará por
parellas e deberá procurar información sobre o festival internacional da
música, centrándose no país escollido. A lista de países dependerá de
procedencia do alumnado e dos seus intereses. O profesorado, nun intento de
promocionar todas as linguas de ensino do centro, asegurarase de que se inclúa
como mínimo un país no que se fale cada lingua.
Tras a procura de información, cada parella terá que realizar un breve vídeo
(máximo 3 minutos), que resuma os contidos principais, incluíndo un extracto
dunha canción na lingua do país. Posteriormente, agruparanse tódolos
vídeos e proxectaranse no festival de fin de curso do centro educativo, xa que
coincidirá ou estará próximo á data de celebración do festival da música.
O tempo que se dedicará á tarefa vai variar dependendo do ritmo de traballo do alumnado. O profesorado terá en conta as características de cada alumno/a para a formación das parellas co obxectivo de garantir un bo funcionamento, tamén ofrecerá máis apoio ás parellas que o precisen e requiriralles máis información e tempo de vídeo ás máis adiantadas.
O tempo que se dedicará á tarefa vai variar dependendo do ritmo de traballo do alumnado. O profesorado terá en conta as características de cada alumno/a para a formación das parellas co obxectivo de garantir un bo funcionamento, tamén ofrecerá máis apoio ás parellas que o precisen e requiriralles máis información e tempo de vídeo ás máis adiantadas.
O alumnado terá dispoñible unha extensa cantidade de
recursos. Estes serán:
- Temporais: poderán realizar a busca de información durante a primeira sesión da actividade (50 minutos), e outras 2 para a realización do vídeo (100 minutos). Ademais disto, poderán usar todo o tempo que precisen na casa.
- Espaciais: ademais da aula de inglés, o alumnado poderá utilizar a aula de informática ou outros espazos do centro, previa autorización do mesmo.
- Materiais: Cada estudante poderá usar todo o material que vexa preciso. Entre eles, os seus teléfonos móbiles e os ordenadores do centro para a realización do vídeo e a busca de información. Precisarase un proxector para a reprodución do vídeo no lugar onde teña lugar o festival de fin de curso.
- Humanos: alumnado e profesorado relacionado coa actividade
Respecto aos contidos relacionados coas habilidades para a
vida, falamos da importancia das habilidades psicosociais. Na seguinte imaxe
que creei dividinas en tres grupos:
A importancia do autocoñecemento, da empatía, así como do
control das emocións e sentimentos, é evidente desde idades temperás. Así
mesmo, traballar no control da tensión e o estrés poderá servirlles para épocas de exames ou
situacións de angustia, Por outro lado, a comunicación asertiva, dando a valer
as propias opinións tendo en conta as dos/as demais, axudará no establecemento
de boas relacións interpersoais e na solución de problemas e conflitos, os
cales resultan case inevitábeis entre o alumnado. As últimas habilidades que
quero mencionar e que considero das máis relevantes son o pensamento crítico,
creativo e a toma de decisións. Hai moitas tarefas que poden axudar a que vaian
construíndo o seu pensamento deste xeito, contrastando información, analizando
de maneira obxectiva e procurando alternativas diferentes ás habituais, o que
lles resultará moi útil tanto dentro como fóra da vida académica.
Con respecto ás medidas de atención á diversidade, é dicir,
o conxunto de accións que serven para adaptar a resposta educativa ás
diferentes necesidades, características, situacións sociais e culturais, ritmos
de aprendizaxe e intereses de todo o alumnado, podemos distinguir dous grupos:
ordinarias e extraordinarias. As ordinarias adecúan o currículo sen alterar de maneira
significativa os seus contidos, porén as extraordinarias supoñen cambios
esenciais na organización e nos elementos de acceso ao currículo, estas medidas
aplícanse cando as de carácter ordinario resultan insuficientes. En relación
con estes contidos fixemos unha actividade na cal tiñamos que clasificar
diferentes medidas en ordinarias e extraordinarias, posteriormente comprobamos
na listaxe do documento oficial se a nosa clasificación era correcta.
Outro punto que tratamos estivo relacionado co alumnado con
necesidade específica de apoio educativo (ACNEAE), para o que deseñei imaxe que
resume a información:
Tamén mencionamos os diferentes tipos de adaptacións
curriculares: de acceso físico ou á comunicación ou polo número de alumnado afectado
(individualizadas ou grupais) e o Programa de Mellora da Aprendizaxe e do
Rendemento (PMAR). Este programa é o antigo programa de diversificación
curricular, garante a adquisición das competencias de aprendizaxe e ten como
principais obxectivos evitar o absentismo e o abandono escolar, facilitar a
consecución dos obxectivos xerais e o desenvolvemento persoal e social do
alumnado, así como o seu potencial de aprendizaxe.
Por último, centrámonos nos programas de linguas estranxeiras.
Para o alumnado existe o CUALE
, o AXUDASLE
e o programa de inmersión lingüística de outono
, para o profesorado o PIALE
e o CALC
, tamén mencionamos as seccións bilingües e os centros plurilingües
, pero centrámonos en maior medida no programa de auxiliares de conversación.
Este programa consiste na colaboración de profesorado nativo prioritariamente en
centros plurilingües, sección bilingües e escolas oficiais de idiomas para
facer posible a práctica da conversa oral, a corrección lingüística e achegar
ao alumnado e ao profesorado a cultura do seu país. O/a auxiliar de conversa
pode motivar ao alumnado, servir de embaixador cultural, axudar á asimilación
de xeito natural doutra lingua e a desenvolver actitudes respectuosas cara a
diversidade cultural. Os/as auxiliares
apoian a profesorado CLIL (Content and Language Integrated Learning). Xa tratei
a metodoloxía CLIL nunha entrada anterior, pero gustaríame lembrar que é unha
metodoloxía de carácter interdisciplinar pola cal se utiliza un idioma
adicional para o ensino e a aprendizaxe de contido e lingua. Un dos aspectos
que me resultou máis interesante destes contidos foron as 5 Cs: cognición,
contido, comunicación, comunidade e competencias. No seguinte vídeo obteredes
máis información:
Para pór en práctica estes contidos realizamos un exercicio
que consistía na creación dunha actividade que poderiamos facer coas/cos
auxiliares de conversa na aula para o cal volvín traballar co meu compañeiro
Juan Cabaleiro, aquí tedes o documento.
Como conclusión gustaríame destacar que agradecín moito os
contidos achegados sobre as titorías, xa que me animaron a querer realizar proxectos
sobre diferentes temas, prestando atención ás características persoais do
alumnado e ás súas necesidades. En canto ao programa de auxiliares de conversa e
á metodoloxía CLIL, considero que foi de grande utilidade por se nun futuro
participo no programa ou conto coa presenza dun(ha) auxiliar nas aulas. Así
mesmo, tódalas actividades realizadas contribuíron a comprender mellor os novos contidos
e ofreceron a posibilidade de ser creativos/as na creación de tarefas.
Un saúdo!
Ola Antía! En primeiro lugar darche a noraboa pola entrada, está moi completa e detallada. Teño que dicir que todas as actividades que propuxeches e ideaches xunto co teu compañeiro, Juan Cabaleiro, me pareceron perfectas para introducir dentro dunha aula de linguas estranxeiras. Ademais, centrándome un pouco máis na actividade relacionada co deseño dunha clase CLIL, gustoume que a enfocárades ao ámbito da xeografía posto que hai unha gran cantidade de coñecementos que podedes aproveitar para a introdución da lingua na sesión. No meu caso, teño que dicir que tamén a realicei da materia de Xeografía e Historia posto que me parecía que a cantidade de vocabulario e incluso tempos gramaticais, como ben explicades, era inmensa e de gran interese e proveito para o alumnado que se está formando. Boa idea! Polo demais, só recomendarche que sigas así. Saúdos.
ResponderEliminarGrazas polo teu comentario Laura,
EliminarUn saúdo,
Úrsula.
Boas tardes, Antía!
ResponderEliminarEn primeiro lugar, gustaríame darche o parabén pola túa entrada. Considero que plasmas os contidos unha forma clara e concisa de forma que a lectura resulta moi amena.
Coincido contigo en que as titorías non só serven para tratar temas educativos como as técnicas de estudo, etc., senón tamén para tratar temas transversais a través de actividades: visualización de vídeos, presentacións de PowerPoint, etc. Con todo, como ben dis, é unha pena que hoxe en día a maioría dos profesores non lle dean a importancia que se merece. Durante a miña etapa escolar, non lembro ningunha clase de titoría na que fixésemos algo realmente de proveito. Non hai que esquecerse que durante estas horas podemos desenvolver as habilidades para a vida, xa que a nosa tarefa como profesores non só é ensinar contidos, senón tamén formar ás persoas.
En canto á actividade que propós para levar a cabo a metodoloxía CLIL, dicir que me parece moi boa elección a materia de Xeografía e Historia, porque se tratan multitude de temas e o alumnado pode aprender unha gran cantidade de gramática e de vocabulario.
Un saúdo!
Grazas polo teu comentario María,
EliminarUn saúdo,
Úrsula.
Ola Antía,
ResponderEliminarMoitas grazas polas túas ideas e contribución coa entrada.
A continuación, engado algúns comentarios:
Non fixeches a tarefa 2 da sesión 1: Que actividades son mellores para PMAR? Nin a tarefa 1 da sesión 2: Actividades que poderiamos facer cos auxiliares de conversa.
A actividade de titoría que presentas é moi interesante. Ademais de fomentar o interese e o respecto por outras culturas tamén fomenta a competencia dixital.
No relativo a tarefa CLIL, comentar que a temporalización xeralmente vai separada dos recursos. Ademais, sóese engadir o trimestre, o número de sesións, etc.
Nesta mesma actividade mencionas dentro de comunicación o emprego de preposicións. Coidado, while e whereas non son preposicións, son conxuncións. Probablemente, o novo punto que darías serían os comparativos, e o presente simple se lles esixiría como materia de antigas unidades. De todos modos, eu con los climogramas traballaría os futuros, non o presente.
Gústame que tivésedes en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe (medida de atención á diversidade) ao teren en conta a posibilidade de adaptar o número de sesións.
Grazas polas túas ideas e o teu traballo,
Un saúdo,
Úrsula.