Tema 5: dossier



Tema 5: Dossier

Ola lectoras e lectores!

Nesta nova entrada vou comentar as actividades realizadas durante a aula que se basean na temática desta unidade: o deseño curricular base, tratarei tanto os aspectos positivos como os negativos de cada unha delas de xeito detallado.
Espero que vos animades a realizar algunha!

Actividade debate piramidal

Nesta actividade comezamos debatendo por parellas sobre a definición de currículo, os elementos que o forman e cales eran as súas competencias básicas. Unha vez que a parella chegaba a unha conclusión, esta debía comezar a debater sobre o mesmo coa parella do lado e pórse de acordo coa definición e o resto de elementos para posteriormente intercambiar as ideas co grupo de catro persoas máis achegado. No momento no que se chega a un acordo entre as oito persoas, exponse e debátese co outro grupo ata acadar unha conclusión final entre toda a clase.
O número de persoas para os grupos dependerá da cantidade total de alumnado, no noso caso foi moi doado porque somos un grupo bastante reducido.

A actividade pareceume moi útil porque obriga a reflexionar sobre os contidos da materia, cuestionalos e comparar as propias ideas coas do resto do grupo. Deste xeito, ao debater  podemos decatarnos de erros que xa tiñamos por certos, ampliar o noso coñecemento con novos aspectos comentados polas compañeiras e compañeiros, reflexionamos na procura da mellor opción e o resultado final é a agrupación das mellores ideas de todo o alumnado.
É un bo método para traballar con todo o grupo, comprobar o que saben e así partir do nivel que se observe no alumnado. Ademais, neste caso non só aprenden do profesorado, tamén do resto de estudantes, ao mesmo tempo que comproban os seus propios coñecementos e interactuan de xeito racional e comprensivo, traballando como un verdadeiro equipo.

Actividade Kahoot

Realizamos dúas actividades empregando esta aplicación online chamada Kahoot. As preguntas estaban relacionadas cos contidos deste tema: institucións que determinan diferentes aspectos do sistema educativo,  elementos do currículo, etc.



A aplicación é moi entretida, fai que o alumnado estea moi atento ás preguntas e intente responder coa maior rapidez posible. Máis que unha actividade de aula parece un xogo de ocio, resulta moi atraínte, permite tratar calquera contido e traballar tanto de xeito individual como por parellas ou grupos.A aplicación pode empregarse por parte do profesorado para diversos fins: coñecer o nivel de coñecemento do alumnado sobre un tema específico ou a materia en xeral, observar o progreso e evolución de cada alumna/o ou do grupo en xeral, saber se algún temario quedou claro ou cales son as dúbidas máis habituais.

En canto ao alumnado, que adoita somerxerse totalmente na dinámica da actividade, permítelle adquirir novos coñecementos, observar cales son os seus erros, en que debería mellorar ou consegue o xurdimento de novas dúbidas. Así mesmo, tamén pode valorar a actividade unha vez que se finalice, o que servirá de axuda ao profesorado para a realización de tarefas posteriores.

Os aspectos negativos desta actividade é que fomenta a competitividade, xa que a maior parte de estudantes quere conseguir o maior número de puntos posibles, para iso é necesario axilidade e rapidez, o que pode levar a que nalgúns casos se reflexione menos sobre as cuestións para acadar máis puntuación.  Por outra banda, o funcionamento dos dispositivos tecnolóxicos tamén pode supor un problema en certas ocasións, ao igual que unha conexión á Internet de mala calidade.

Actividade: As Linguas Estranxeiras no Currículo da Lomce

Nesta actividade dividímonos en grupos de catro ou cinco persoas para a busca de información sobre diferentes temas, todos eles relacionados co rol das linguas estranxeiras en diferentes niveis e a súa estrutura ou elementos.  

No me grupo tivemos que buscar información sobre as linguas estranxeiras na Formación Profesional Básica e nos ciclos. Non nos resultou doado atopar toda a información que se nos esixía, xa que o papel das linguas estranxeiras nestes ámbitos é un pouco escaso.
Eu centreime principalmente na FP básica e atopei que só hai unha materia baseada nunha lingua estranxeira, a cal pertence ao módulo de Comunicación e Sociedade.  Como xa mencionei no diario, esta materia conta con 59h no primeiro ano e 34 no segundo fronte as 240 horas totais do módulo.  Só un obxectivo fai referencia ao uso da lingua estranxeira e apenas é nomeada en dous criterios de avaliación no currículo.

Tras a procura e selección de información, cada grupo debía inserila nun documento drive compartido con todo o alumnado da aula. Despois comentamos os diferentes puntos a tratar, resolvemos dúbidas e o profesor explicou con maior profundidade algúns aspectos.
Pareceume unha actividade moi produtiva na que todas/os tivemos un papel activo e coa que traballamos diferentes destrezas ao ter que procurar información, comentala co resto do grupo, expola durante a clase e conseguir ao final un traballo no que participou cada un(ha) de nós.

Déixovos aquí o traballo completo por se é do voso interese:




E ata aquí a entrada de hoxe! Agardo que realicedes a actividade que máis vos gustase!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Situacións e variábeis no ensino de linguas estranxeiras

Tema 7: diario

Tema 3