Tema 1
Tema 1: O ensino de linguas no presente modelo educativo,
nacional e autonómico.
Benvidas/os a esta nova entrada! Nesta primeira unidade
centrareime nos aspectos que máis me chamaron a atención e que considero máis
relevantes para o meu futuro como docente dunha lingua estranxeira.
En primeiro lugar, o máis destacable é a cantidade de
cambios no sistema educativo que aconteceron ao longo da historia, motivados moitas
veces tan só por razóns políticas. O motivo polo que decidín que este sería o
primeiro aspecto a tratar nesta entrada é porque continua sendo un problema actual
que ten repercusións nun ámbito tan importante como é a educación, polo que toda
a poboación se ve afectada, tanto o colectivo de profesorado como o de alumnado.
Daquela cómpre facer referencia ás múltiples modificacións que
pouco ou nada teñen que ver coa mellora da calidade do sistema, por exemplo, a
supresión das materias de inglés, alemán e italiano a través do plan de
transición de 1932, ou o establecemento en 1938 de que a cultura humanística se
debe completar co estudo de dúas linguas vivas das cales unha ten que ser obrigatoriamente
o italiano ou o alemán. Tendo en conta estes e outros exemplos, non é difícil
decatarse de que o estudo de linguas estranxeiras dependía na súa totalidade do
contexto histórico, do lugar de procedencia de cada unha delas, véndose
afectada e limitada toda a poboación como aconteceu en 1903 coa reforma que suprimía
o ensino de inglés e alemán no grao de Bacharelato debido á falta de
presuposto. O sistema educativo dun país ten que evolucionar, adaptarse á
realidade social, corrixir erros pasados que foron detectados. As modificacións
son necesarias, pero só se supoñen unha mellora, unha vantaxe e unha
actualización, non se pode someter a toda a sociedade dun país a un vaivén que
non atende máis que a intereses políticos sen recapacitar na repercusión que
poden ter, volvendo cara métodos obsoletos como é o caso das reválidas.
Engádovos un infograma que creei baseado nos cambios
lexislativos que tiveron lugar en España desde 1970:
Atoparedes máis información neste estudo histórico e neste documento amplo por se fose do voso interese, se procurades un resumo breve recoméndovos este blog.
Outro dato que chamou a miña atención foi que non se
introducira o idioma moderno nunha etapa obrigatoria do sistema educativo ata
1970 coa Lei Xeral de Educación e, malia que a normativa deixaba aberta a
posibilidade de comezar o estudo dunha lingua estranxeira a partir de 3º ou 5º
curso cunha serie de condicións, o máis habitual era comezar en 6º. Unha destas
condicións sorprendeume especialmente: para introducirse a lingua estranxeira
no 3º curso, a aprendizaxe debía ser exclusivamente oral polo menos durante seis
meses e o método elixido debía ser de tipo audiovisual. Así mesmo, os centros
educativos tiñan a liberdade de escoller que lingua impartirían, sendo o inglés
e o francés as seleccionadas con maior frecuencia e, ao igual que na
actualidade, o principio básico era promover a adquisición das catro destrezas lingüísticas
básicas (escoita, fala, lectura e escrita) empregando unha metodoloxía activa.
Se comparamos estes datos coa actualidade, decatámonos de como variou a percepción
que se tiña sobre o estudo doutras linguas. Agora hai un interese moi grande pola
adquisición dunha segunda ou terceira lingua canto antes, ata o punto de
existir garderías nas que as/os máis cativas/os xa comezan a ter o seu primeiro
contacto cun idioma distinto á súa lingua materna, o que non deixa de ser unha
consecuencia do proceso de globalización que estamos experimentando. É certo
que hai moitos mitos e pouca información sobre a adquisición de segundas
linguas na sociedade, como que o profesorado debe ser nativo ou que se debe
comezar a adquirir o outro idioma canto antes, cando en realidade o profesorado
non nativo pode ensinar desde a perspectiva da lingua materna, sabendo cales
son as maiores dificultades e podendo realizar comparacións que axuden e favorezan ao alumnado. En canto á idea de
aprender unha nova lingua desde idades temperás, é necesario que haxa certas
condicións para que resulte efectivo, por exemplo, debe haber un equilibrio
entre a exposición á lingua materna e á lingua estranxeira para que o
coñecemento dunha non interfira no nivel da outra.
En conclusión, o noso sistema educativo viuse e segue
véndose afectado e desvalorizado polo contexto político no que se atopa, o cal
provoca modificacións constantes que minguan a súa calidade, en vez de supor
unha mellora e unha actualización que favorezan a toda a sociedade.
Así, as materias e os seus contidos non deberían depender do
partido político que se atope no poder. No caso das linguas, deberían gozar todas
da mesma importancia xa que cada unha delas non supón máis que riqueza, polo
que se deben respectar e coidar incondicionalmente.
Agardo que vos gustase a entrada e recibir os vosos comentarios sobre os temas que tratei!
Un saúdo.
Tamén penso que o continuo cambio de leis educativas non trae nada bo para a calidade da educación, e os que sentimos as consecuencias somos nós os estudantes. Deberíanse facer as leis de educación sen ter na mente cuestións políticas e tendo en conta principalmente a formación da poboación. Ademais ti mencionas na túa entrada a reválida, e eu coincido contigo. Creo que todos eses métodos teñen que quedar no pasado xa que non supón unha mellora. En canto as linguas estranxeiras, eu tampouco creo que sexa necsario un profesor nativo para ensinar un idioma xa que, como dis ti, un docente da terriña sabe os erros máis comúns que se comenten.
ResponderEliminarGustoume moito a túa entrada
Un saúdo!
Ola! Con respecto ó debate sobre se é mellor un profesor nativo ou un profesor que fale o mesmo idioma que o alumnado, opino que o ideal sería ter unha combinación de ambos. O profesor que comparte lingua coa clase sería o encargardo de explicar os aspectos gramáticais (xa que coñece mellor as dificultades que ten o alumnado) e o profesor nativo centraríase máis en traballar a oralidade.
ResponderEliminarAínda así, creo que existe unha certa obsesión por ter profesorado nativo e que non sempre aporta unha mellora á aprendizaxe.
Unha aperta!