Tema 3


Tema 3: O ensino-aprendizaxe e certificación de linguas estranxeiras polas institucións internacionais.

Ola! Na entrada deste tema voume centrar nas destrezas e nos usuarios involucrados no proceso de ensino-aprendizaxe:
  • Autoridades educativas: adoitan concentrarse en especificar os obxectivos de aprendizaxe.
  • Usuarios relacionados cos exames e cualificacións: considerar que parámetros son relevantes para cada cualificación e nivel esixido, tomar decisións sobre as tarefas e actividades, os temas que teñen que incluír  os exames.
  • Autores de manuais e responsables do deseño de cursos: toman decisións concretas relativas á selección e ordenación dos textos, as actividades, o vocabulario e a gramática que se presenta ao alumnado.
  • Profesorado: respectar as orientacións oficiais, utilizar manuais e materiais didácticos elaborar e levar a cabo probas, preparar ao alumnado para esas probas/exames, realizar seguimento do progreso do alumnado, comprender a variedade de procesos de aprendizaxe.
  • Alumnado: desenvolver as competencias e estratexias e realizar as tarefas, actividades comunicativas, os procesos necesarios para participar en situacións comunicativas, aprender a tomar a iniciativa para facilitar a autoaprendizaxe, cando remata o ensino formal, a aprendizaxe de linguas continúa e será autónoma.

  • Metodoloxía: os métodos teñen que ser os máis eficaces para conseguir os obxectivos acordados, en funcións das necesidades do alumnado como membros dunha sociedade. Tal como expliquei na miña presentación, observamos distintos métodos ao longo da historia, influenciados fortemente polas correntes psicolóxicas e lingüísticas de cada época. O obxectivo de todos eles é procurar unha corrección dos métodos anteriores, o que reflicte que a metodoloxía empregada non adoita resultar idónea para o alumnado ou o profesorado. É habitual que as actividades realizadas sexan unha mestura de varios métodos, pero nalgúns casos o profesorado está limitado pola normativa dun centro, por peticións dos pais e nais, ou por ter que usar un libro de texto concreto. Así mesmo, os métodos innovadores tamén teñen que ser aceptados polas autoridades e organizacións educativas, teñen que corresponderse cos currículos nacionais e as guías de avaliación que existen e contar co apoio de expertos/as no ensino de linguas, ademais de ser entendidos coa facilidade polo profesorado e que a súa posta en práctica sexa doada. 
Na aula realizamos unha actividade para tratar algúns dos métodos de ensinanza-aprendizaxe de linguas. Organizámonos por parellas e grupos de tres persoas, cada grupo tivo que buscar información sobre un método distinto, centrándonos en aspectos como quen o creou e puxo en práctica, cando se creou e o motivo, cales eran os obxectivos principais e o papel dos axentes implicados, explicar as actividades que se realizarían e procurar unha demostración do método con material audiovisual. A miña parella e eu encargámonos do método silencioso, que era totalmente descoñecido para nós. Tras a procura de información, tivemos que preparar unha presentación para expor ao resto de compañeiros/as. Deste xeito, todos/as logramos captar unha idea xeral de cada un dos métodos e atopar as principais diferenzas entre eles.
Déixovos aquí a nosa presentación:



En canto ás destrezas distinguimos entre destrezas receptivas (comprensión lectoral e oral) e destrezas produtivas (expresión escrita e oral). A comprensión lectora consiste en comprender un texto tanto a nivel léxico e de oración como de xeito xeral e respecto ao coñecemento que temos do mundo. A forma na que nos achegamos a un texto depende moito do motivo que nos leva a lelo, podemos ler para captar a idea xeral ou para obter información específica. Podemos diferenciar entre lectura extensa, por exemplo lendo un artigo no que o noso interese pode ir mudando, ou intensiva, como a busca de vocabulario nun texto. Pola súa parte, a comprensión oral consiste en obter o sentido dun discurso oral e, do mesmo modo que coa comprensión lectora, podemos escoitar para captar a idea xeral ou para seleccionar información concreta e distinguir entre escoitar ao detalle, escoita extensa e escoitar para captar a actitude do falante.



Respecto á expresión escrita, é dicir, a produción dun texto para comunicar unha idea, é importante facer referencia á diversidade de parámetros que empregamos nun escrito dependendo do tipo de mensaxe e da persoa ou persoas ás que vai dirixida e á importancia  de saber comunicala de xeito organizado. A cuarta destreza é a expresión oral, coa cal expresamos significados a outras persoas. Durante as interaccións hai varios factores implicados, como o contacto visual ou a linguaxe corporal, ademais temos en conta a fluidez e a precisión da mensaxe. A estrutura das actividades de expresión oral é a seguinte:
  •  Introdución ao tema
  • Actividade práctica para usar a linguaxe que se debe aprender
  • Actividades de discusión máis libres


Déixovos os seguintes enlaces onde podedes atopar máis información sobre as catro destrezas:

Por último, quero engadir unha pequena conclusión en canto ao tema da metodoloxía. A crenza de que existe un método ideal que funcione en tódolos contextos é só unha utopía, cada grupo, cada individuo ten unhas características específicas ás que o profesorado debe prestar atención e adaptarse. O funcionamento axeitado dunha metodoloxía variará segundo a situación e as persoas implicadas. Na miña opinión, é necesario esquecer que podemos conseguir un proceso de ensinanza-aprendizaxe perfecto empregando só un método, a mellor solución é mesturar principios de metodoloxías distintas para obter os mellores resultados posibles tendo en conta o principal obxectivo da nosa labor como docentes: conseguir unha aprendizaxe sólida dos contidos por parte do alumnado.


Un saúdo!

Comentarios

  1. Hola Antía!

    Concordo con todo o que dis na tua entrada e incluso coa reflexión que fas ó final, pero penso que tanto é dificil levar a cabo un ensino eficaz cun só método como tamén é dificil poder aplicar diversos métodos á vez para unha mesma aula, xa sexa por tempo ou por as diferencias nas necesidades do alumnado. Ainda así o docente sempre terá que buscar a metodoloxía mais axeitada para unha mellora de todo o seu alumnado e iso, por suposto, non se soluciona cunha única metodoloxía común para todos.

    Un saúdo.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Situacións e variábeis no ensino de linguas estranxeiras

Tema 7: diario