Tema 6: diario


Tema 6: As programacións didácticas vixentes

Ola, lectores e lectoras!

Nesta nova entrada vou falar sobre as programacións didácticas vixentes na ESO e no Bacharelato, realizadas baixo a lei educativa actual (LOMCE). Para comezar, aclararei que unha programación didáctica é un instrumento de planificación curricular que desenvolve o proceso de ensino e aprendizaxe de xeito coordinado entre o profesorado que forma un departamento. Toda programación está baseada en catro tipos de fontes: sociolóxica,  psicolóxica, epistemolóxica e pedagóxica. A fonte sociolóxica está relacionada coas características do entorno onde se desenvolve o ensino, a psicolóxica co coñecemento dos trazos que ten o alumnado, a epistemolóxica analiza o contido e a secuencia da aprendizaxe e, por último, a pedagóxica que permite a selección de coñecementos e o seu traballo co alumnado.

Voume centrar sobre todo na súa estrutura, ampliando o tema con contidos xa adquiridos previamente na materia sobre deseño curricular. En primeiro lugar, tódalas programacións deben comezar cunha introdución ou contextualización onde se mencionan as características do centro educativo, descríbese a aula, a situación, faise referencia ás ensinanzas que oferta o centro e a outras características peculiares que sexa necesario mencionar. O segundo punto céntrase na contribución ao desenvolvemento das competencias chave, é dicir, o conxunto de competencias básicas ou a capacidade de por en práctica os nosos recursos persoais en situacións diversas e que nos permiten actuar de maneira activa e responsable en tódolos aspectos da nosa vida. Os criterios que se tiveron en conta á hora de seleccionar as competencias son os seguintes: estar ao alcance de todas/os, ser comúns a moitos ámbitos da vida e ser útiles para continuar aprendendo. A integración destas supón reflexionar cales son as condicións baixo as que é posible acadar que a cultura elixida contribúa a adquirir as aprendizaxes desexadas. As competencias seleccionadas polo MEC , seguindo as propostas da UE, son : Comunicación lingüística CCL, Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía CMCCT, Competencia dixital CD, Aprender a aprender CAA, Competencias sociais e cívicas CSC, Sentido de iniciativa e espírito emprendedor CSIEE e Conciencia e expresións culturais CCEC.


Outros apartados cos que debe contar unha programación son a concreción dos obxectivos para o curso e a concreción para cada estándar avaliábel de temporalización, grao mínimo de consecución para superar a materia e procedementos e instrumentos de avaliación (rúbricas, debates, exposicións, etc.).  Os obxectivos guían a acción docente, perseguen o desenvolvemento integral do alumnado e exprésanse en termos de capacidades, poden ser xerais ou didácticos. Tamén é preciso concretar a metodoloxía que se vai empregar, especificando os motivos polos que o método elixido é o máis axeitado para a materia. Hai unha grande variedade de métodos didácticos, por exemplo:
- O método tradicional: baseado na iniciativa do profesorado.
- O método por descubrimento: o alumnado produce o seu propio coñecemento, é un método activo.
- O ensino expositivo: dáselle importancia á estrutura lóxica e psicolóxica da disciplina
- Os métodos de ensino globalizado: a globalización, que establece relacións entre os contidos de aprendizaxe do alumnado, os centros de interese, cuxos contidos están organizados segundo as necesidades do alumnado, o método pro proxectos, que basea o ensino na experiencia social e na vida cotiá, de investigación no medio ou os talleres, os cales se ocupan de aprendizaxes concretas. 

Ademais das concrecións metodolóxicas, é necesario mencionar a organización das actividades de seguimento, recuperación,  avaliación de materias dependentes e actividades complementarias e extraescolares xa programadas, así como dos procedementos que permitan ao alumnado acreditar os coñecementos necesarios nalgunhas materiais no caso do bacharelato e os recursos didácticos que se van empregar. Os recursos poden ser: humanos (o alumnado, o profesorado, a familia...), materiais (soporte papel, dixital...), organizativos (espaciais e temporais) ou ambientais (institucións, comunidade...).  

Os elementos relacionados coa avaliación que son necesarios nunha programación son os criterios sobre a avaliación, cualificación e promoción do alumnado, os indicadores de logro para avaliar o proceso de ensino e a práctica docente e o deseño da avaliación inicial e as medidas individuais ou colectivas que se vaian adoptar tendo en conta os seus resultados. Por outra banda, tamén se deben incluír as medidas de atención á diversidade, a concreción dos elementos transversais que se van traballar durante o curso e os mecanismos de revisión, avaliación e modificación das programacións didácticas en relación cos resultados académicos e procesos de mellora.

Estes serían os apartados cos que debe contar unha programación didáctica, poderedes atopar máis información nesta guía e na seguinte páxina . Agardo que vos gustase a entrada!

Un saúdo.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Situacións e variábeis no ensino de linguas estranxeiras

Tema 7: diario

Tema 3