Tema 6: dossier
Tema 6: Programacións didácticas vixentes
Ola de novo!
Nesta nova entrada vou comentar as actividades que
realizamos na aula que gardan relación co tema 6: as programacións didácticas
vixentes, o cal tratei xusto na entrada anterior. As actividades son tres en
total e puxéronse en práctica na seguinte orde: actividade piramidal, análise
dunha programación didáctica coa elaboración dunha presentación e, por último,
a análise e crítica dunha programación dunha EOI empregando screencast.
A actividade piramidal, xa realizada e comentada na entrada
de dossier do tema 5, consiste nun debate entre o alumnado ao que se lle vai
aumentando o número de participantes gradualmente. Primeiro debatemos por
parellas sobre cales eran na nosa opinión as partes máis relevantes dunha
programación didáctica. O meu compañeiro Juan e eu coincidimos en que as
competencias, a metodoloxía, as actividades e a avaliación eran os compoñentes
con maior importancia. Tras o debate coa parella do lado, a resposta seguiu
sendo a mesma, pero cando eramos un grupo de 9 persoas fomos modificando
algunhas das opcións. A resposta final foi a metodoloxía, a avaliación, as
competencias básicas e os obxectivos. Finalmente, entre toda a aula e coa axuda do
profesor concluímos que aquelas partes de maior relevancia son nas que o
profesorado pode intervir e modificar, non as que xa están establecidas polas
institucións. É dicir, aquelas partes nas máis podamos aportar como docentes
son nas que máis nos temos que centrar. En xeral creo que a actividade resultou
útil para todo o grupo, xa que ninguén o enfocara dese xeito ao comezo, ademais
volveu facer que reflexionaramos sobre un tema específico, que escoitaramos
diferentes puntos de vista e que chegaramos a unha conclusión grupal. É un bo
método para que participemos activamente na aula, para partillar ideas coas
compañeiras/os e para adquirir nova información sen a necesidade de empregar
outros recursos, tan só mediante o diálogo.
A segunda actividade foi moi completa e consta de varias
partes. Para comezar tivemos que escoller neste páxina da xunta un centro educativo galego de ensino secundario, entrar na súa páxina web e
procurar a programación didáctica dunha das linguas estranxeiras, o inglés no
noso caso. O centro elixido polo meu grupo foi o Politécnico de Vigo. A continuación,
o meu compañeiro e eu, tras botar unha ollada rápida ao documento, dispuxémonos
a analizar que apartados estaban ausentes, como estaba estruturada a programación
e que se podería mellorar dela, a medida que iamos atopando información
relevante fomos creando con powtoon Un vídeo de presentación que recollía tódolos datos da análise realizada,
estruturado do seguinte xeito:
- Apartados da programación
- Apartados dos que carece, como era o caso da
concreción dos estándares de aprendizaxe, dos indicadores de logro para avaliar
o proceso de ensino e a práctica docente e os mecanismos de revisión,
avaliación e modificación das programacións didácticas en relación cos
resultados acadados e os procesos de mellora.
- Descrición dos elementos que consideramos
principais: o contexto, os recursos e a
metodoloxía.
- Aspectos destacables da programación, tanto
positivos como negativos, por exemplo, os obxectivos estaban máis centrados en
competencias sociais como a igualdade e a discriminación, e a existencia de
estándares de aprendizaxe que non se avalían con ningún instrumento, pero que
contan na cualificación.
Unha vez rematados os vídeos de presentación das
programacións, estes foron reproducidos un por un mentres avaliabamos ao resto
de grupos seguindo unha rúbrica. A avaliación fixémola por parellas, xuntamos
todas as notas nun Excel, calculamos a media de cada grupo e, finalmente,
deixamos un comentario en Youtube sobre a nosa opinión en tódolos vídeos.
Creo que a actividade tivo moi boa acollida, analizar criticamente
a programación serviu para ter máis claro como ten que estar realizada, así
mesmo, tamén foi boa idea que fósemos avaliadas/as e que puidésemos avaliar ás
compañeiras e compañeiros seguindo unha rúbrica.
A terceira actividade consistiu noutra análise dunha
programación didáctica baseándonos no artigo 49, o cal afirma que as
programacións son o instrumento curricular específico para cada curso impartido
nas Escolas Oficiais de Idiomas. No meu grupo, formado por cinco persoas,
escollemos a programación da materia de inglés
da Escola Oficial de Idiomas de Monforte. Fomos comparando entre todas e todos
o contido da programación co do artigo 49, anotamos aqueles aspectos máis
importantes, fixemos unha segunda análise do documento máis detallada,
aumentamos a información obtida con anterioridade, dividímola en cinco partes
e, a continuación, empregamos screencast para a creación dun vídeo no que cada participante do grupo falaba sobre algún
dos elementos da programación mentres a pantalla amosaba a páxina ou páxinas do
documento que gardaban relación co que se dicía. Esta actividade resultou útil tanto para profundar nos
contidos das programacións, como para aprender a usar unha nova aplicación e
traballar en equipo.
Espero que vos animedes a usar algunha das aplicacións!
Un saúdo.
Ola, Antía!
ResponderEliminarGústame o que comentas sobre o debate piramidal, e concordo con que é unha boa técnica para que o alumnado poda participar de forma activa na aula e reflexionar sobre o tema a tratar. Respecto a isto, tamén estou de acordo coa conclusión de que aquelas partes máis importantes da programación didáctica son aquelas nas que os docentes poden traballar máis, xa que ten sentido que nos centremos onde máis podamos aportar co fin de poder mellorar a aprendizaxe das nosas alumnas e alumnos.
Con relación as outras actividades que mencionas, eu non quedei moi contenta con uso do Powtoon, pero a ferramenta Screencast non a coñecía, así que botareille un ollo para saber como funciona e se lle podo dar uso no futuro. Grazas pola recomendación!
Gustoume moito a entrada!
Iria.
Ola Antía!
ResponderEliminarBoa entrada detallando as actividades que levamos a cabo. A terceira, na que compartimos grupo, pareceume a mais interesante, xa que todolos grupos separáronse para facer as grabacions e paréceme interesante o enfoque que cada grupo lle deu ás suas observacións.
Un saúdo.