Tema 7: diario
Tema 7: Metodoloxía CLIL/AICLE
Boas a todas e todos!
Na entrada de hoxe vouvos falar da
metodoloxía CLIL (Content and Language Integrated Learning), denominada AICLE
en galego (Aprendizaxe Integrada de Contidos
e Lingua Estranxeira). Esta metodoloxía
foi adoptada en 1994 en Europa co obxectivo de identificar boas prácticas e
resultados relacionados con métodos que integraban linguas nos contidos doutras
áreas, é dicir, algunhas materias ensínanse a través dunha lingua estranxeira
para traballar tanto a aprendizaxe de contidos como a aprendizaxe doutra lingua
de xeito simultáneo. Podemos distinguir tres principios metodolóxicos no CLIL,
o primeiro é que se usa a lingua para aprender contido da área, pero tamén hai
que aprender a lingua para comprender e comunicar. En segundo lugar, a materia
que se estuda é a que determina o tipo de lingua que se precisa aprender, polo
que as estruturas, o vocabulario específico e as destrezas lingüísticas estarán
determinadas pola materia que se estea ensinando. O terceiro principio metodolóxico é que a
fluidez ten máis relevancia que a precisión gramatical e lingüística en xeral.
Entre as principais características da metodoloxía CLIL
destaca o ensino centrado no alumnado. Podemos dicir que existe unha
negociación dos temas e tarefas que se adapta as necesidades e capacidades do
alumnado, así mesmo, tamén se ensina do particular para chegar ao xeral e é moi
habitual o traballo por proxectos ou tarefas nos que os axentes implicados
teñen un rol determinado. O ensino é flexíbel e facilitador, tense como prioridade
facilitar a comprensión dos contidos e o contexto, adaptándose aos diferentes
estilos de aprendizaxe e empregando tanto estratexias lingüísticas como paralingüísticas.
Por outra banda, a aprendizaxe é interactiva e autónoma, as tarefas e proxectos
adoitan realizarse por parellas ou grupos e consisten en actividades que
impliquen a negociación do significado e o descubrimento e investigación como
formas de traballo. Nesta aprendizaxe enfocada a procesos e tarefas, faise un
uso da lingua que pon énfase no significado para obter un obxectivo, as tarefas
promoven tanto a aprendizaxe como a comunicación, adéstrase en estratexias de
comprensión e seguimento da clase e úsanse rúbricas de avaliación e estratexias
de avaliación por pares.
Un concepto clave nas teorías de educación máis recentes e
fundamental en CLIL é a andamiaxe ou scaffolding, segundo a cal a capacidade de
resolución de problemas e outras estratexias divídese en tres categorías: as
que o alumnado pode realizar de forma independente, as que non pode realizar
mesmo con axuda e as que pode realizar con axuda doutros/as. Esta última está
relacionada coa zona de desenvolvemento próximo
de Vygotsky, é dicir, a distancia entre o nivel real de desenvolvemento da
alumna/o, determinado pola capacidade de resolver un problema por si mesma/o e
o nivel de desenvolvemento potencial que a alumna/o pode acadar se conta coa
axuda dun adulto ou a través da interacción cunha compañeira/o máis
capacitada/o. Podedes ler máis sobre este tema no seguinte pdf. É aquí onde ten máis importancia a andamiaxe preparada polo profesorado
para que o alumnado tome conta da situación paulatinamente ata chegar ao nivel
de competencia que lle é necesario para realizar a tarefa de xeito individual. En
resumo, a andamiaxe consiste naquelas actividades ou estratexias de apoio que o
profesorado achega ao alumnado para que este constrúa o seu coñecemento, por exemplo,
proporcionar unha liña de tempo baleira que o alumnado debe encher con datos.
Existen tres tipos de andamiaxe (Dodge, 2001):
- De recepción: para asegurar que o alumnado extrae información necesaria e relevante, por exemplo, gráficos e táboas organizativas que deben completar ou glosarios comentados.
- De transformación: para permitir a transformación da información recibida en algo novo, como é o caso dos diagramas de Venn.
- De produción: apoio que o alumnado precisa para producir algo novo, sobre todo en relación coas estruturas dos produtos que debe elaborar, por exemplo, esbozos de presentación e esquemas.
Por que se debería empregar a metodoloxía CLIL? Por unha parte, a lingua apréndese de forma máis eficaz en situacións reais, emprégase cun propósito centrándose en contidos significativos, hai unha maior exposición á lingua adicional, hai unha maior motivación cara esta e constrúese coñecemento a partir de tarefas próximas á realidade. Desde o punto de vista dos contidos, desenvólvense as competencias básicas, hai diversidade de perspectivas, os procesos de aprendizaxe son máis profundos, ten carácter integrador das aprendizaxes e hai unha maior conciencia do papel da lingua no proceso de aprendizaxe. Tamén hai un aumento das capacidades xerais de aprendizaxe, contacto con outras realidades culturais, fomento da tolerancia e respecto pola pluralidade e facilita a elaboración do proxecto lingüístico do centro.
En conclusión, a metodoloxía CLIL permite traballar os
contidos da materia que se imparte ao mesmo tempo que se avanza na aprendizaxe
dunha lingua estranxeira. O proceso de ensinanza-aprendizaxe baseado no
traballo por proxectos supón un aspecto moi positivo que permite traballar
tódalas competencias básicas, pero é necesario que o profesorado analice
previamente as necesidades do alumnado, introduza a lingua estranxeira de xeito
progresivo, favoreza a autonomía do alumnado e favoreza un enfoque contrastivo
entre as linguas.
Que opinades vós desta metodoloxía? Entrade no seguinte pdf se queredes obter máis información ou botádelle un ollo ao vídeo!
Un saúdo!
Comentarios
Publicar un comentario