Estratexias de comunicación
Tema 5: Estratexias de comunicación
Ola a todas/os!
Nesta nova entrada vou falar e compartir as miñas reflexións sobre algúns dos contidos que tratamos na materia
de Didáctica das Linguas Estranxeiras con Cristina: os catro modos de
comunicación (comprensión, expresión, interacción e mediación), as actividades de
expresión, interacción e mediación tanto oral como escrita e a elaboración e uso
dunha rúbrica para avaliar a comprensión oral e escrita.
O primeiro achegamento aos contidos deste tema foi a través
dunha actividade na que tivemos que definir por grupos os seguintes termos:
mediación, plurilingüismo, o enfoque orientado á acción e a co-construción do
significado, ademais de falar do noso perfil plurilingüe e de dar a nosa
opinión sobre empregar outras linguas nunha clase de inglés. A continuación,
fixemos unha posta en común comparando e debatendo sobre as diferentes opcións.
Pareceume un bo xeito de comezar o temario xa que, por unha parte, permitiu á
docente observar cales eran os nosos coñecementos sobre os contidos e, doutra
banda, nós mesmas/os nos decatamos de que algúns aspectos non eran como pensabamos.
Así mesmo, tivemos que traballar en equipo, aportando cada membro definicións
individuais creando unha base sobre a que chegariamos a definicións grupais
máis completas e complexas para a posta en común co resto do grupo. Os
conceptos que presentaron máis dificultades foron o de mediación e a
co-construción do significado porque eran os menos coñecidos, por iso me vou
centrar neles nesta entrada. En primeiro lugar, a co-construción do significado
no proceso de ensino-aprendizaxe realízase mediante a interacción colaborativa
entre aprendices. A miúdo poden resultar necesarias as habilidades plurilingües
e pluriculturais, o que suporá a percepción das semellanzas e diferenzas entre
linguas e culturas de xeito natural e autónomo. Na miña opinión, a
co-construción do significado implica unha comprensión e asimilación inmediata de
novos contidos que resulta moi vantaxosa.
A mediación consiste nas actividades escritas e orais que
posibilitan a comunicación entre individuos que, por algunha razón, non son
capaces de comunicarse de maneira directa entre si. En ocasións interprétase como a quinta
destreza na aprendizaxe dunha lingua estranxeira, xunto coa compresión oral e
escita, e a expresión oral e escrita, pero o certo é que segundo o Marco Común
Europeo de Referencia (MCER) a mediación constitúe coa comprensión, expresión
(produción) e interacción (co-produción), un dos catro modos de comunicación.
Un(ha) mediador/a ten que entender o problema de comunicación facendo uso da
súa experiencia socio-cultural, das habilidades comunicativas e os recursos
lingüísticos. Adaptar a súa intervención ás necesidades do interlocutor,
organizar a formulación do texto meta empregando as ideas principais e negociar
o seu significado. Un contido totalmente novo para min foi a distinción entre
mediación verbal, visual e multimodal, e cultural. En canto á introdución da
mediación nas aulas, podemos utilizar realia, facer actividades con visitantes
ou auxiliares lingüísticos, introducir outras linguas, realizar traballos en
grupo e facer uso dos diferentes rexistros e variedades. Para traballar este
novo concepto en auxe creamos unha actividade de mediación por parellas e
grupos de tres, compartímola en drive co
resto do grupo nun documento onde se foron recollendo todas co fin de presentárllela
e explicárllela posteriormente. Pareceume moi boa idea que tivésemos a oportunidade
de elaborar unha actividade propia que nos permitise pór en práctica o que aprenderamos.
O feito de que os demais grupos tamén expuxesen a súa tamén foi unha grande
axuda para consolidar certos aspectos, aprender máis sobre os contidos e
coñecer novas ideas, sen esquecer a importancia de traballar grupalmente de
maneira efectiva. A maiores tivemos que realizar unha rúbrica para avaliar a
nosa actividade, polo que esta tarefa resultou moi completa e útil para a nosa
formación:
Outro dos temas tratados que me gustaría comentar estivo
relacionado coas actividades de comprensión oral e escrita, as cales poden ir
encamiñadas cara a procura de información específica (scanning), cara a captación das ideas
principais (skimming) ou con outro tipo de finalidades, por exemplo, adquirir
coñecemento sobre un tema determinado para empregalo noutro momento, comprender
vocabulario en contexto, seguir unhas instrucións ou identificar actitudes. No
caso das actividades de comprensión escrita, adóitase realizar unha
presentación ou familiarización do contido e vocabulario nun primeiro momento,
identificando as palabras chave e analizando o contexto, para logo realizar
unha primeira lectura na que se adoita localizar información, contestar
preguntas ou comprobar predicións. A realización dunha segunda lectura pode ser
necesaria para traballar o vocabulario, as estruturas e a cohesión do texto.
Por último, a post-lectura sérvenos para trasladar a información e empregala,
resumir o contido, debater ou elaborar unha opinión persoal sobre o tema,
ampliar o noso coñecemento sobre el ou desmentir crenzas que puidésemos dar por
supostas. Con respecto á realización de
actividades de comprensión oral, o primeiro paso sería a pre-escoita, durante a
cal se nos presenta o tema e nos podemos familiarizar cos contidos de maneira
xeral. Na primeira escoita podemos captar a idea principal, algún dato concreto
que sexa de interese e prestar atención ao vocabulario, mentres que na segunda
realizaremos actividades máis específicas, por exemplo, responder preguntas,
facer tests de opción múltiple, etc. Por último, poderíase levar a cabo unha
posta en común para a comparación das diferentes respostas e interpretacións
obtidas. Para traballar o contido relacionado coas actividades, cada persoa recibiu
un enlace a páxinas diferentes que contiñan un listado de diferentes
actividades que se poderían realizar na aula, por exemplo: edutopia. Escollemos a que máis nos chamase
a atención e tivemos que presentala e explicar os motivos que nos levaron a
elixila a tres ou catro compañeiras/os. Cada grupo tiña que escoller a
actividade presentada que considerasen mellor. Isto permitiunos coñecer un
grande número de diferentes actividades do noso interese, debater en pequenos
grupos sobre elas e chegar a unha conclusión conxunta, o que sempre resulta
enriquecedor.
En conclusión, considero que tanto os contidos tratados como
o modo no que se traballaron resultaron de moito proveito para a nosa formación
como docentes. Decidín facer fincapé na mediación posto que é un termo que,
malia estar gañando importancia na actualidade no ámbito educativo, segue sendo
descoñecido para moitas persoas e, sen dúbida, paga a pena telo en conta e
introducilo nas aulas. No que se refire ao tipo de actividades de comprensión,
agradecín moito os contidos presentados, xa que como futura profesora dunha
lingua estranxeira, resultan moi enriquecedores.
Espero que vos gustase a entrada, un saúdo!
Bo día, Antía! En primeiro lugar, gustaríame felicitarte pola túa entrada, xa que me pareceu moi completa, incorporando contidos teóricos e prácticos nela. Comparto a túa opinión con respecto á actividade de mediación, xa que foi un modo perfecto de ver os nosos coñecementos, ademáis de servir como recurso para o futuro, especialmente tendo todas as actividades dispoñibles online. Con respecto á actividade de comprensión oral e escrita, penso que foi una gran idea a separación dos grupos tradicionais na clase, xa que estamos demasiado acostumados a traballar cos/as mesmos/as compañeiros/as e as ideas resultantes poden estar influenciadas por iso.
ResponderEliminarUn saúdo!
Ola Antía! En primeiro lugar gustaríame felicitarte pola túa entrada xa que me parece moi completa e moi interesante de ler. Eu tamén comparto a mesma opinión con respecto á mediación, sendo unha ferramenta moi útil no ensino tanto de linguas coma doutras materias. Ademais, como dis ti, ó ter que facer unha rúbrica a actividade resultou de todo completa. Con respecto ás actividades que comentas, paréceme de moita axuda que se sigan todos os pasos para que se poida así levar a cabo unha comprensión total da tarefa. Amais, creo que tamén resultou moi positivo que cada estudante tivera que escoller unha actividade aprendendo así unha gran cantidade delas.
ResponderEliminarUn saúdo,
Miguel.
Ola Antía!
ResponderEliminarGustoume a túa entrada. Describes moi ben, e paso a paso, tanto os conceptos tocados na aula coma as actividades a realizar. Coincido contigo, ademais, en canto á forma na que se traballaron os contidos en clase. Penso que foi moi axeitada para reforzar o aprendido. Como lle comentaba a outra compañeira, eu non puiden asistir a duas clases pero entereime perfectamente das cousas que leváchedes a cabo nelas polas vosas palabras.
Un saúdo.
Manuel.