Tema 7: dossier


Tema 7: dossier

Ola a todas/os!
Nesta nova entrada vou comentar as actividades que realizamos na aula sobre o tema 7, o cal trata a metodoloxía AICLE/CLIL, e tamén falarei das presentacións feitas polas miñas compañeiras e compañeiros sobre contidos do tema 8.

En primeiro lugar, comezamos cun debate sobre a metodoloxía CLIL, sobre a cal falei na entrada de diario correspondente a este tema. O debate foi un modo de achegarnos ao contido que permitiu a aparición de novas dúbidas e interese. A continuación, dividímonos en cinco grupos e cada un tiña que procurar información sobre un aspecto relacionado coa metodoloxía CLIL: o marco europeo para a educación do profesorado CLIL, as sínteses e conclusións sobre o estudo da aprendizaxe integrada de contidos e linguas no contexto escolar europeo, as cinco dimensións de Marsh, a andamiaxe ou scaffolding no CLIL e o deseño do currículo integrado CLIL. Este último punto foi o que se lle asignou ao grupo do que formei parte. Para comezar, cada integrante realizamos unha busca de información para obter a maior cantidade de datos posibles, logo fixemos unha posta en común, seleccionamos o que consideramos de maior interese e procedemos á realización dunha infografía que sintetizase o principal. 
Cando todos os grupos remataron cadansúa infografía procedemos a expolas ante o resto de compañeiras e compañeiros. Deste xeito, non só aprendemos sobre os contidos cos que tivemos que traballar, tamén nos familiarizamos cos apartados asignados ás/aos demais.  Velaquí tedes a infografía creada polo meu grupo mediante genialy:




Para concluír, gustaríame engadir que esta actividade en grupo resultou moi positiva, o feito de ter un tempo limitado para levala a cabo obríganos a organizarnos de maneira axeitada, así mesmo, tamén require un bo entendemento entre os membros do grupo para pórse  de acordo á hora de seleccionar a información, de deseñar a infografía e de presentala. Hei de dicir que me parece un bo método para tratar contidos, mantén ao alumnado activo, interesado e en constante traballo con información descoñecida na maior parte dos casos.

Agora vouvos falar sobre algunhas das presentacións realizadas por compañeiras e compañeiros.
Unha das miñas preferidas foi a de Alexandre, xa que trataba sobre o sistema educativo de Corea do Sur. O primeiro que me chamou a atención foi o rol que desempeña a educación nesta sociedade como elemento fundamental para o desenvolvemento do país. Sorprendeume moitísimo a competitividade que se exerce sobre o alumnado, sometido continuamente a unha presión que remata por mergullalos na soidade e falta de creatividade. A presenza do castigo físico, as 14 ou 16 horas de estudo diarias, así como as altas taxas de suicidio producidas polo sistema eran algo totalmente descoñecido para min. Déixovos aquí o enlace para que poidades botar un ollo:

Outra das presentacións que quero destacar é a de Joana. Esta trata sobre a aprendizaxe baseada en proxectos, o que me parece un tema moi interesante para a nosa formación e sobre o cal nos teñen feito moito fincapé nalgunhas materias do máster. Esta metodoloxía céntrase na resolución de problemas mediante a adquisición de habilidades e o traballo nas competencias básicas. O alumnado ten un papel activo, traballa en equipos e tense en conta os seus intereses para manter a súa motivación. Pola súa parte, o/a docente adopta un rol de guía ou instrutor para guiar a aprendizaxe. Paréceme un moi bo método para conseguir que o alumnado desenvolva o seu pensamento crítico e sexa capaz de resolver conflitos da vida real mediante as diferentes situacións ás que se lle expón. Visitade o enlace para saber máis información: 

A terceira presentación que quería mencionar é a de Paula, quen decidiu falar sobre o sistema educativo de Noruega. Pareceume moi interesante, xa que considero que sempre está ben coñecer diferentes sistemas para poder comparalos e saber cales son os métodos que funcionan en cada un deles. Neste caso, sorprendeume o feito de que durante os grados 1 ao 7 non houbese notas, algo que parece case imposible aquí, onde se lle dá demasiada importancia desde idades temperás á consecución dunha boa media. Por outra banda, a avaliación de cada profesor(a) e dos centros é un bo xeito de ir mellorando ao longo do tempo mediante o traballo dos puntos máis débiles.  Anímovos a que lle botedes un ollo á presentación: 

Engádovos os enlaces ao resto de presentacións, as cales comento nos seus respectivos blogs:


Estou segura de que atoparedes moita información do voso interese en cada unha delas!

Un saúdo!

Comentarios

  1. Boas Antía!

    Moi boa entrada noraboa! Gustoume moito a infografía, e serviume un pouquiño de comparativa, posto que ao grupo do que eu formaba parte tamén nos tocou facela sobre o deseño do currículo integrado CLIL. Considero que está moi completa pero sen caer no erro de incluír demasiada densidade de texto, polo que resulta visualmente atractiva. En canto ás presentacións dos teus compañeiros do grupo 1, tal e como cabía esperar, son bastante similares ás que se deron no grupo 2 e polo que vexo nos seus blogues están igualmente moi traballadas. Parabéns a todos e todas!

    Un saúdo!

    Laura Rodríguez Fernández

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Situacións e variábeis no ensino de linguas estranxeiras

Tema 7: diario

Tema 3